Monday 29 de April de 2024

San Sadurniño inicia este domingo na praia de Pantín do seu programa “Xuño deportivo”


O surf e o paddle surf inician este domingo o programa “Xuño deportivo

Anque este arranque de xuño non semelle moito de verán, temos que pensar que o bo tempo e a calor non han tardar en chegar. É o seu, e por iso a Concellaría de Cultura e Deportes preparou para este mes tres actividades ao aire libre englobadas baixo o título de “Xuño deportivo”. A primeira cita témola este domingo día 10 na praia de Pantín cunha proposta dirixida a maiores de 12 anos que nos permitirá iniciarnos no surf e nunha das súas variantes, o paddle surf. As seguintes serán o domingo 17 coa tradicional Roda cicloturista en familia e o sábado 23, cando se desenvolverá en Naraío unha ruta de sendeirismo de 15 quilómetros. As inscricións para todas elas hai que facelas na Casa da Cultura en horario de mañá ou enviándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal

O curso de iniciación ao surf e ao paddle surf desenvolverase entre as 11 e as 14.00h. do domingo na praia e máis nas instalacións da empresa Pantín Surf Camp e terá un custe de 10€ que as persoas participantes deberán pagar ese mesmo día antes do comezo da actividade.

Trátase dunha pequena aventura acuática aberta a maiores de 12 anos que, como único requisito, deben saber nadar. A empresa pon todo o material: traxes de neopreno, aletas, táboas, etc., e ofrécenos a posibilidade de entrar en contacto con dous deportes ben entretidos e nun dos mellores lugares do mundo para a súa práctica.

Só hai 25 prazas dispoñibles que se cubrirán por orde de inscrición. O prazo para apuntarse remata este xoves día 7 de xuño ás 14.00h.

Na bici e en familia
Unha semana despois de disfrutar da auga, o domingo 17, teremos a oportunidade de percorrer en bicicleta o centro de San Sadurniño e os seus arredores nunha nova edición da Roda cicloturista en familia que, como indica o propio nome, vén sendo un pequeno paseo pola zona apto practicamente para calquera idade. Sairase ás 11.00h. de diante do CPI e a ruta discorrerá maiormente por pistas secundarias ata o Muíño de Pedroso, onde está previsto un pequeno avituallamento antes de emprender a volta ao punto de saída.

O trazado practicamente non ten costas e as poucas que hai son doadas de sortear, de aí que Biela e Chaveta -o club local que colabora co Concello na organización- optase por rebaixar aos 4 anos a idade mínima para participar na ruta, que é gratuíta. Será obrigatorio usar casco e recoméndase levar chaleco ou roupa de cores vivas, posto que o traxecto se realizará sen cortes nin restricións do tráfico. Aínda con iso, o pelotón levará na cabeza o vehículo municipal de emerxencias e na cola un dos furgóns de obras, cumprindo a función de sinalizar a marcha e, ao mesmo tempo, marcando un ritmo que todas as persoas participantes poidan manter.

Para a Roda cicloturista en familia -que non ten límite de prazas- pódese formalizar a inscrición anticipada na Casa da Cultura ou ben apuntarse o mesmo día diante do colexio público antes da saída. Ao remate do percorrido haberá un sorteo de material relacionado co deporte da bici.

Sendeirismo na véspera de San Xoán
A última cita do “Xuño deportivo” levaranos a Naraío o sábado 23 de xuño. Ás 10.00h. sairá do local social desa parroquia unha ruta de sendeirismo duns 15 quilómetros e de dificultade media que, previsiblemente -o trazado definitivo estase ultimando-, subirá á Louseira, logo pasará por Quintiá e a Abelleira até o Forgoselo e, desde alí, baixará ao sendeiro do río Castro para regresar ao lugar da saída pasando polo castelo de Naraío, Riolimpo, pola presa de Blas, Pielas e a ponte da Ferraría.

O itinerario completarase case sen saír da marxe sur do ZEC Xubia-Castro, incluído na Rede Natura 2000 e, ademais, permitirá ver de preto algúns dos principais elementos xeolóxicos que forman parte do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, como por exemplo as pías, taffonis e pedras cabaleiras ou a falla pola que discorre o Castro, onde se produce o encontro entre o bloque granítico do Forgoselo e os terreos sedimentarios que se estenden ao norte do concello.

Esta ruta de sendeirismo oferta un máximo de 50 prazas que se cubrirán por orde de inscrición, que deberá facerse na Casa da Cultura como moi tarde o xoves 21 ás 14.00h. Pola distancia e polo trazado en si, na actividade só poderán participar persoas maiores de 9 anos e que, en calquera caso, teñan costume de andar.

O camiño lévase ben, pero cómpre ter en conta que pasa por zonas con fortes desniveis e que, posiblemente, vaia calor. Neste sentido, desde o Concello recoméndase levar roupa transpirable, calzado cómodo -que non sexa de estrea e que protexa os nocellos-, e tamén auga e produtos comestibles de pequeno tamaño e alto valor enerxético, como por exemplo barriñas de cereais. Por outra banda, aquelas persoas que teñan algún problema de saúde -asma, diabetes, alerxias a picaduras de abellas e avespas, etc.- deberán levar canda si as súas propias medicinas e comunicarllo aos monitores ou monitoras antes do inicio da ruta.

Campamentos deportivos e Campaña de Vela da Deputación
Para obter máis información sobre estas tres actividades pódese contactar co técnico de Cultura a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal, chamar á Casa da Cultura -981 490 027 ext. 2- ou pasar por alí de luns a venres en horario de mañá. Alí tamén teñen todos os datos sobre dúas actividades dependentes da Deputación da Coruña: os Campamentos deportivos e a Campaña de Vela.

Os Campamentos deportivos para a rapazada de San Sadurniño desenvolveranse entre o día 1 e o 6 de xullo e ao noso concello correspondéronlle 3 prazas. Son estadías nas instalacións do centro Calvo Sotelo da Coruña dirixidas a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos -ambas idades incluídas-, quen disfrutarán durante esas datas de múltiples actividades ao aire libre. Para acceder ao campamento provincial é necesario que a cativería estea empadroada no concello e apuntarse como moi tarde o día 15 de xuño na propia Casa da Cultura. Se houbese máis peticións que prazas dispoñibles faríase un sorteo para adxudicalas. Unha vez confirmada a praza poderáselle ingresar á Deputación o custe do campamento, que ascende a 85€.

Por outra banda, o ente provincial tamén oferta a Campaña de Vela, pensada para mocidade de 9 a 18 anos. Por proximidade, este ano o concello de referencia para San Sadurniño é o de Valdoviño, onde se desenvolverán as actividades de inicio á navegación entre o 6 e o 10 de agosto. Quen queira apuntarse deberá facelo no Concello de Valdoviño. O prazo está aberto ata o 25 de xullo e o custe son 25€.